Recuperando nomes “de toda a vida”

Queriamos recuperar para este blog vellos artigos, que non por vellos están de menor actualidade, da revista que editaba o SNL, “Lingua viva”. O artigo que vos presentamos hoxe foi publicado no número 49 da revista (2º trimestre de 2010).

Recuperando nomes "de toda a vida"

Páxina da revista "Lingua Viva" núm. 49

Hai uns días, recibimos no SNL unha solicitude dunha veciña dunha parroquia viguesa, na que pedía que a un camiño que non tiña nome de seu no rueiro vigués se lle puxese A LATIÑA, o “nome de toda a vida”.

Cantos nomes de toda a vida están a piques de desaparecer, por non se recuperaren para os rueiros oficiais e pór no seu lugar nomes de persoeiros, batallas, datas sinaladas, países, cidades… Non é que rexeitemos a homenaxe a unha bióloga, a un artista, a unha data sinalada… mais cremos que hai outras formas de facer visible e de que permanecer na memoria colectiva eses persoeiros, esas datas, cidades, países… Sigue lendo

A recollida da topomimia en Beade: relato dunha experiencia

Pouco antes do Nadal de 2009 encargáronme preparar unhas unidades didácticas sobre toponimia. Irían dirixidas aos mozos e mozas da cidade de Vigo e encadraríanse dentro do proxecto que leva a cabo o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, MEU! Coñecéndonos, descubríndonos. O obxectivo non era outro que dar a coñecer a enorme riqueza toponímica da cidade, así como a súa importancia e valor cultural. Pensei que a miña relación coa toponimia, curta pero intensa, acabaría aí, ata que me volveron facer outra proposta: recoller os topónimos da parroquia de Beade. Aceptei. Non podía ser doutro xeito: é un traballo que cómpre facer se queremos conservar os nosos nomes de lugares e cómpre facelo axiña, pois o tempo non é moito cando o que se busca só está nas cabezas dos máis vellos do lugar. Así que, non sen antes recibir as indicacións pertinentes de quen sabe bastante máis disto ca min, planteime en Beade, mapas e gravadora en man, disposta a rescatar eses vellos tesouros custodiados polas súas xentes. E a iso ando, a percorrer de cabo a cabo unha parroquia que albisco todos os días dende a miña casa, antes case sen sabelo, na procura de topónimos esquecidos e sentenciados á desaparición. Sigue lendo