Maruja, A Cruxeira

Neste comezo ano vimos de perder de xeito repentino e totalmente inesperado a Maruja “do Paso”, ou “A Cruxeira”, alcume polo que foi máis coñecida logo de casar con Pepe “O Cruxeiro”.

Con case noventa anos de idade, que cumpriría este ano, Maruja era unha boa representante diso que demos en chamar “Tesouros Vivos”, persoas que se convirten en elementos clave na transmisión do noso patrimonio cultural inmaterial.

Durante o traballo de recollida da toponimia de Bembrive Maruja foi, xunto a outras, unha das informantes claves, coa que compartimos máis de media ducia de encontros e horas de conversa. Coñecía máis dun cento de topónimos da parroquia, algún deles só referidos por ela, como O Outón, O Picouto, A Chan do Picouto ou As Corcovas e posiblemente moitos máis alcumes (ou apoios, como maioritariamente se di en Bembrive): O Cataplin, As Crencas, As Pedrosas, As Ferreiras, As de Carbonero, As Gharridas, As Rolas, As Faximofas, As Corberas, As Pelouras, O Macarrón, O Peroliro, etc. todos eles xoias da nosa lingua e a nosa cultura. Sigue lendo

O cultivo do liño en Bembrive

Se ben na actualidade a parroquia de Bembrive continúa a manter importantes trazos  de ruralidade, é evidente  que a situación presente dista considerablemente da que nos poderiamos ter atopado hai  non moitos anos, tanto a nivel de  estrutura social como paisaxística.

Os relatos das/os informantes fálannos dun territorio aproveitado ao máximo, tanto no referente ás terras de cultivo como ao monte. Este era empregado como lugar de pasto para o gado pero tamén para a obtención de toxo, carqueixa ou leña e pluma dos piñeiros.

A desaparición de moitos destes usos levou á  perda de gran parte dos coñecementos e vocabulario asociados a  eles, pero tamén  de certos cultivos  que na actualidade xa non se atopan na parroquia. Este é o caso do trigo ou o centeo, pero sobre todo do orxo e o liño.

Poucas/os informantes lembran xa a presenza do liño en Bembrive. A día de hoxe, tan só atopamos referencias ao cultivo, entre outros,  nos campos do Pumar, pertencentes ao lugar do Pazo (barrio de Xestoso). Alí o liño, sementado en leiras, era regado coa auga da presa da Veiga. Sigue lendo