A Mina do Porco

Ao igual que acontece en Zamáns, os mananciais ou minas de auga que hai na parroquia de Comesaña, son moitos, atopando ata tres ou catro por barrio. Sen embargo, houbo unha que me chamou moito a atención: A Mina do Porco ou da Pedra Branca.

Na caída oeste do Monte do Castro e no barrio da Pedra Branca, atópase unha mina de auga un tanto particular. Segundo os máis vellos da parroquia ( e que xa llo oíran aos seus avós), a mina do Porco, foi construída polos romanos e comunicaba o castro coa parte baixa do lugar da Pedra Branca. Nela, vivían uns mouros que sacaban todos os días a sollar o seu ouro por unha especie de respiradeiro a xeito de cheminea co que conta a mina. Era tal a cantidade de ouro que debían ter alí dentro gardado, que un día escapoulle o porco a un veciño e non tivo outro sitio mellor que ir a agocharse á citada mina. Cando saíu, o porco traía espetada no seu lombo unha brilante e fermosa frecha de ouro.

Dende aquela, a mina quedou bautizada.

O substantivo común “pedra” nos topónimos de Zamáns (II)

Vén de O substantivo común “pedra” nos topónimos de Zamáns (I)

E el era que se era unha parroquia onde un día moraron os mouros, ou iso é o que reflicten certos topónimos da parroquia de Zamáns. Seica ninguén os viu nin tocou, pero, segundo o imaxinario dos zamaneses máis vellos, estiveron ou habitaron estas terras, e por iso deron nome a elementos naturais, como pedras ou minas.

A presenza mítica destes seres insírese na rica tradición galega de lendas protagonizadas polos mouros, formando parte do patrimonio inmaterial de noso, ao igual que os topónimos. Agora ben, na actualidade, a permanencia destas lendas, mantidas grazas á transmisión oral interxeracional, vese ameazada; os pais non lles relatan aos fillos lendas ou contos de noso, nin os avós aos netos, en gran medida porque os novos xa non teñen as mesmas referencias sociais e espaciais que os vellos: non van coas vacas ao monte, o seu universo constitúeno as redes sociais ou os infinitos aparellos tecnolóxicos. Seguir lendo