Ás voltas cos nomes de persoas para encher o “nomenclátor” municipal

Recoñecemento ao labor, á súa dedicación como mestre, médica, fotógrafo, científica… ao seu exemplo na loita do movemento sindical, veciñal, das mulleres… Cariños, lealdades, admiración… son estes algúns dos motivos que particulares, entidades ou colectivos aducen para solicitar que un nome dunha rúa, camiño, praza, equipamento municipal leve o nome desa persoa e permita deste xeito recordo permanente.

Mais é este o único xeito de recoñecemento para con estas mulleres e homes de ben facer? O feito de ter o nome no “nomenclátor” particular dunha vila ou dunha cidade fai que recorden as e os seus habitantes o labor desa persoa e… quen viña sendo?

 Son preguntas que imos deixar sen contestar, mais si que traemos argumentos que contraveñen o feito de desterrar topónimos tradicionais para lles pór no seu canto o nome de persoas, de obras literarias, de personaxes novelescos, de cidades, de ríos… Sigue lendo

Charla en Comesaña

Seguindo co proxecto de colaboración coas comunidades de montes para a recollida de toponimia das parroquias o vindeiro venres 28 de setembro terá lugar unha charla na parroquia de Comesaña. As dúas persoas encargadas da recollida de toponimia nesta parroquia, Anxo Fontes e Xosé Lois Vilar, encargaranse de animar ás veciñas e veciños de Comesaña, Comunidade de Montes, Asociación de Veciños… da importancia de recoller a toponimia do lugar e de contar coa colaboración da veciñanza.

O comezo

Coñecer para valorar, descubrir para coñecer… descubrirmos a nosa
cidade, o seu contorno e todo o que nos ofrece: a ría, o territorio, o
patrimonio, a toponimia…
O territorio de Vigo móstrasenos coma un gran teatro que mira ao
solpor, onde a ría forma un espazo ben definido. Territorio e ría
ofrécennos montes de nomes de lugares a través dos cales podemos ir
descubrindo e coñecendo sobre quen fomos e somos e sobre como se
foi configurando a nosa cidade. Asemade, o un e a outra atesouran un
rico patrimonio que tamén se nos mostra como peza clave para
írmonos descubrindo.