Maruja, A Cruxeira

Neste comezo ano vimos de perder de xeito repentino e totalmente inesperado a Maruja “do Paso”, ou “A Cruxeira”, alcume polo que foi máis coñecida logo de casar con Pepe “O Cruxeiro”.

Con case noventa anos de idade, que cumpriría este ano, Maruja era unha boa representante diso que demos en chamar “Tesouros Vivos”, persoas que se convirten en elementos clave na transmisión do noso patrimonio cultural inmaterial.

Durante o traballo de recollida da toponimia de Bembrive Maruja foi, xunto a outras, unha das informantes claves, coa que compartimos máis de media ducia de encontros e horas de conversa. Coñecía máis dun cento de topónimos da parroquia, algún deles só referidos por ela, como O Outón, O Picouto, A Chan do Picouto ou As Corcovas e posiblemente moitos máis alcumes (ou apoios, como maioritariamente se di en Bembrive): O Cataplin, As Crencas, As Pedrosas, As Ferreiras, As de Carbonero, As Gharridas, As Rolas, As Faximofas, As Corberas, As Pelouras, O Macarrón, O Peroliro, etc. todos eles xoias da nosa lingua e a nosa cultura. Seguir lendo