Entroidada de nomes

Cando comezamos a ter contacto cos nomes de lugar, dámonos logo conta de que moitos deles son semellantes e  moi repetidos entre o repertorio toponímico da nosa terra.

Algúns  deles, están presentes na parroquia de Comesaña  como é o caso da Gandra, O Poulo, O Castro, O Pazo, A Cachada, A Devesa do Rei, A Nogueira,  O Rial, O Tombo, Os Carreiros, O Barreiro… nomes comúns a moitas das parroquias viguesas que aquí comentamos.

Mais outros, non son tan comúns, e é esa particularidade o que os fai estraños, non só para as persoas que recollemos que en ocasións temos que pedir que se nos repita a súa pronuncia varias veces para podelo escribir, senón ás veces mesmo para os filólogos dedicados ao seu estudo que se lles fai imposible descifrar o seu significado ou orixe.

Son nomes tan raros pero á vez tan fermosos como O Sepemiguel  ou A Papuíña.

Algúns dos máis usuais, fan referencia ao seu propietario ou a algunha característica ou anomalía que o fixese peculiar como pode ser O Campo do Chosco, A Mina do Cagallón ou a xa mencionada Devesa do Rei que tantas veces se atopa en Galicia. Seguir lendo

Poulo

A medida que nos enchoupamos con centos e centos de microtopónimos, constatamos que, sobre todo naquelas parroquias viguesas que aínda manteñen certo carácter rural, as persoas de máis idade seguen a usar o galego cun vocabulario de seu, que debemos coidar e incorporar á nosa bagaxe lingüísticapara que non esmoreza e se perda na noite dos tempos.

Con anterioridade, dedicámoslle un post á palabra chamadouro, e agora este céntrase no termo poulo, moi presente na microtoponimia das parroquias viguesas estudadas ata o momento: Beade, Bembrive, Coia, Comesaña, Coruxo e Zamáns, aínda que un chisco controvertida e variada en canto ao significado. Seguir lendo