Recuperando nomes “de toda a vida”

Queriamos recuperar para este blog vellos artigos, que non por vellos están de menor actualidade, da revista que editaba o SNL, “Lingua viva”. O artigo que vos presentamos hoxe foi publicado no número 49 da revista (2º trimestre de 2010).

Recuperando nomes "de toda a vida"

Páxina da revista "Lingua Viva" núm. 49

Hai uns días, recibimos no SNL unha solicitude dunha veciña dunha parroquia viguesa, na que pedía que a un camiño que non tiña nome de seu no rueiro vigués se lle puxese A LATIÑA, o “nome de toda a vida”.

Cantos nomes de toda a vida están a piques de desaparecer, por non se recuperaren para os rueiros oficiais e pór no seu lugar nomes de persoeiros, batallas, datas sinaladas, países, cidades… Non é que rexeitemos a homenaxe a unha bióloga, a un artista, a unha data sinalada… mais cremos que hai outras formas de facer visible e de que permanecer na memoria colectiva eses persoeiros, esas datas, cidades, países… Seguir lendo

Camiño dos Carrexóns

Contan os máis vellos do lugar que esta parroquia era lugar de paso para os comerciantes que viñan de Portugal  vender os seus produtos a Vigo. Traían as súas mercadorías en fardos que carretaban ao lombo, de aí que o camiño polo que transitaban acabase chamándose CAMIÑO DOS CARREXÓNS. Este camiño entraba pola Garrida, pasaba polo que despois foi coñecido como camiño da Paloma, baixaba pola Valada ao Portal, de aí cara ao Canizo, polo camiño das Furnas, e finalmente encaraba a Simona para dirixirse a Vigo por  Beirán. Este derradeiro tramo, no barrio do Carregal que deixa o camiño da Simona para coller un ramal á dereita, é o único que nos fai lembrar este nome, se ben o paso do tempo e os erros  cartográficos fan que hoxe se chame camiño de Carrazóns.

Cóntannos tamén que no lugar do Canizo había unha  venda ou fonda onde os carrexóns facían noite para poder chegar ao mercado a Vigo pola maña cedo. Parece ser que anteriormente na zona alta de Valadares houbo tamén unha venda rexentada por unha moza garrida, isto é, de boa presencia física. Segundo o autor Cabeza Quiles esta venda da (moza) garrida, deu  nome ao lugar do barrio da GARRIDA