A recollida de topónimos en Beade

A primeira referencia documental que conservamos da parroquia de Beade data do século XII e pertence a un escrito de delimitación dos territorios dependentes do bispado e do cabido de Tui. Non quere iso dicir que non teña Beade unha longa historia previa, Segundo testemuñan os restos arqueolóxicos, xa había poboamentos asentados nestas terras no terceiro milenio antes de Cristo e é probable que haxa que remontar a presenza humana na zona a datas moito máis antigas, no remoto paleolítico. A toponimia tamén corrobora esta idea, pois a pesar de que os máis dos nomes de lugar da parroquia de Beade teñen orixe no latín ou xa naceron en galego, hai algúns, como Babio, que proceden da lingua ou linguas faladas antes da chegada dos romanos e son, cando menos, bimilenarios.

Desde o tempo das primeiras referencias documentais da Idade Media ata hai apenas douscentos anos, o bispo de Tui exerceu señorío durante séculos sobre a parroquia, que no Antigo Réxime integraba, xunto coas de Bembrive, Bouzas, Coia e Coruxo, o territorio da xurisdición de Bouzas, onde gobernaba a autoridade eclesiástica tudense, que designaba cada tres anos un xuíz ordinario e catro rexedores. Seguir lendo