TOMBO, TUMBIO OU TOMBIÑO

Calquera un destes topónimos podería considerarse como relativo a descrición orográfica do terreo que fai referencia a pequenas elevacións do terreo de forma redondeada.

Sen embargo lendo ó autor Fernando cabeza Quiles descubrimos que tamén pode facer referencia a un ritual popular consistente en facer rodar o corpo das crianzas  para libralas dun hipotético  efecto maléfico que os aqueixaba arrebatándolles a saúde, coñecido como “asombramento”. Este ritual consistía en ir a misa, facerse coa sotana do crego, sen que este se decatase, tendela no chan ou sobre unha tumba e facer que dese tombos por riba dela.

Tendo en conta que na nosa parroquia temos un Tombiño a carón da Igrexa Parroquial e un Tombo preto do lugar de Ermida en Freixo e , estando este último catalogado como zona de reserva arqueolóxica pois comenta a veciñanza que alí hai restos de tumbas , quizais os nosos estean tamén vinculados con este ritual que co paso do tempo se fose perdendo.

Esta mesma situación dáse tamén noutras parroquias dos arredores, o cal nos fai pensar que este ritual estivese espallado pola zona.