O Resío

É un barrio (aldea) que se corresponde máis ou menos coa actualmente chamada rúa do Resío (na placa rúa do Rocío). Recentemente independizouse eclesiasticamente de Coia e aos curas non se lles ocorreu outra cousa que chamarlle oficialmente parroquia de Nuestra Señora del Rocío, como se o secular nome do Resío fose unha mala pronuncia dese nome de Virxe.

Desde hai xa máis de cen anos o nome deste barrio aparece sempre escrito como Rocío, sen dúbida por unha mala interpretación que fixo pensar que Resío é unha bárbara deformación popular de Rocío. Non hai nada diso, os paisanos din ben. Aínda hoxe case todos os nativos foron refractarios ao oficial Rocío e seguen a pronunciar O Resío.

Seguir lendo

A toponimia- Ibán Sestay

Recuperamos este artigo, de Ibán Sestay, para o blog. Foi publicado nun dos derradeiros números da revista “Lingua Viva” do SNL de Vigo (núm. 53 ano 2011), co gallo da saída do prelo do libro de Toponimia do Val de Fragoso-Lavadores, redactado polo propio Ibán Sestay.

Unha muller que era de Cangas, moi amiga dun veciño meu, casara en Lavadores. Desde neno oíralle dicir, cando no verán viña refrescar os calores nas praias da súa nacenza, que a súa casa estaba na Ferradoura, en Lavadores. Ese nome de lugar quedoume xa desde neno na cabeza, non sei por que nin por que con tanta forza recordatoria… O certo é que durante toda a miña infancia non souben nunca onde ficaba a Ferradoura esa, para min xa mítica. Todo rozaba o sentimento que alguén poida ter cando le por vez primeira o Galván en Saor de Darío Xoán Cabana, abofé; e así o sentín logo.

Descubrín esa escoitada Ferradoura nunha das primeiras entrevistas toponímicas que realicei en Lavadores. Gabeaba literalmente polas agres encostas que soben do camiño do Casal de Arriba ata o alto monte de Figueiró. Sorprendéronme as vistas largas e fermosas que desde alí había e a abondosa toponimia que fora recollendo polo camiño nesa zona tan próxima do centro urbano de Vigo e que soubo manter, na lembranza duns poucos informantes nativos, un rico patrimonio toponímico. Case no cimo, dixéronme que aquilo era “A Ferradoura” e o meu corazón bateu. En fronte vivía aquela muller de Cangas, a mesma muller da miña infancia. Seguir lendo