Xornadas de toponimia: 7 e 8 de xuño

A Área de Normalización Lingüística da  Universidade de Vigo e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello, coa colaboración da Comunidade de Montes de Zamáns, a Asociación Veciñal San Mamede de Zamáns e o Instituto de Estudos Miñoranos organizamos unhas novas xornadas sobre toponimia. Xornadas para debater, coñecer, informarse sobre, achegarnos a aplicacións didácticas… e coñecer o traballo que dende estas institucións en colaboración con entidades veciñais estamos a desenvolver cara a recuperar, pór en valor e difundir a toponimia do val do Fragoso, a toponimia viguesa.

O pasado ano estas institucións xunto cos concellos de Ourense e Pontevedra coa colaboración do Concello de Redondela e o IEM, organizamos o primeiro curso para formar especialistas na recollida de toponimia.

Froito deste curso, estase a traballar na recollida de topónimos, o seu estudo e divulgación, en diversas parroquias destes concellos.

No Concello de Vigo contamos coa colaboración das comunidades de montes en man común de Cabral, Candeán, Comesaña e Zamáns, e a Entidade Menor de Bembrive.

Nestas xornadas as distintas persoas que están a facer este magnífico traballo e mais representantes das entidades informarannos do estado do seu labor e das actividades que, logo desta recollida e estudo, poden realizarse cara a divulgar todo este legado.

Grazas a esta recollida de toponimia estamos recuperando parte da nosa historia, ampliamos coñecementos sobre o noso pasado, sobre a nosa lingua, lendas, ditos, costumes… e da voz de quen viviu, recorda e está en disposición de transmitirnos estes coñecementos para tecermos todas e todos o noso futuro sen traizoarmos o pasado de noso.

Ao remate da xornada do sábado e logo de xantar no parque forestal (comida pola conta de cadaquén) haberá un roteiro guiado e acompañarannos informantes desta parroquia.

Convidámosvos a participar nestas xornadas abertas a toda a cidadanía, para o que cómpre encher a ficha de inscrición e mandala por correo electrónico a ofi.normalización@vigo.org, antes do 6 de xuño.

Entregarase diploma xustificativo da asistencia