O Rego de Pontecela

Pois ben, aquí vai a solución á adiviña presentada no anterior artigo sobre o rego de Pontecela:

O rego de Pontecela parece xa citado, no Catastro do Marqués da Ensenada,  como situación do muíño de Paio, propiedade de Ana de Souto, veciña de Paio.

Atopamos o seu nacemento no monte do Pouso, subindo pola entrada que leva á área recreativa do Pouso de Arriba,  collendo a man esquerda pola senda na que se atopan as minas de auga da Chan[1]. Logo de baixar pola Xunqueira, pasa polos muíños do Pouso e do José María que antigamente movía. No muíño do Pouso a súa auga era ademais aproveitada para alimentar os lagos nos que se maceraba o liño. Deixando o Pouso, o rego continúa o seu percorrido rodeando o monte do  Crasto de Xestoso pola súa aba sur-oeste. Toma aquí o nome de río da Candea, posto que é o nome das terras que neste lugar baña e  onde a súa auga enchía o lavadoiro do mesmo nome (lavadouro da Candea). Aquí, na altura do lavadoiro, atopábase a metida da Candea, a onde se  viña buscar a auga para regar cando correspondía a tanda, posto que era o punto onde as augas se partían para unha zona ou outra de Bembrive. Sigue lendo

O rego de Pontecela

O rego de Pontecela é o curso de auga que nace nos montes do Pouso e atravesa a parroquia de Bembrive de leste a  oeste no seu terzo norte para ir desembocar, logo de unirse á regueira do Abade e recoller as augas dos Freires, no río dos Pelames, que poucos metros augas abaixo tomará o nome máis coñecido de Eifonso (un dos principais afluentes do río Lagares).

Este curso de auga, de pouco máis de dous quilómetros de lonxitude, vai tomando ao longo do seu percorrido, como é habitual, diferentes nomes. Pero… animádesvos a adiviñar cantos?

Agardamos as vosas respostas!