“Lavadores nasceu no Caside”

Di a tradición que Lavadores naceu no barrio do ➞Caride. O Caride sempre foi unha área moi periférica de Lavadores, engruñada entre as parroquias históricas de Teis e Santiago de Vigo, pero aí din que naceu. Esta vox populi podería non pasar dunha curiosa hastiogonía se non for porque hai veraces noticias antigas que refiren que a igrexa parroquial de Lavadores foi trasladada á súa actual localización séculos atrás desde outro lugar máis afastado, onde estaba asentada á beira dunha fonte chamada de Lavadores, da que seica tomou o nome. Despois, a sé parroquial levouse ao seu actual lugar na Bagunda xunto co seu nome, tomado da fonte mencionada. E, para máis abondamento, ata principios do século xx coñecíase como Lavadores gran parte do barrio do Caride, xusto onde a tradición popular sitúa a orixe da parroquia, o cal non é unha simple coincidencia. Sigue lendo

A toponimia- Ibán Sestay

Recuperamos este artigo, de Ibán Sestay, para o blog. Foi publicado nun dos derradeiros números da revista “Lingua Viva” do SNL de Vigo (núm. 53 ano 2011), co gallo da saída do prelo do libro de Toponimia do Val de Fragoso-Lavadores, redactado polo propio Ibán Sestay.

Unha muller que era de Cangas, moi amiga dun veciño meu, casara en Lavadores. Desde neno oíralle dicir, cando no verán viña refrescar os calores nas praias da súa nacenza, que a súa casa estaba na Ferradoura, en Lavadores. Ese nome de lugar quedoume xa desde neno na cabeza, non sei por que nin por que con tanta forza recordatoria… O certo é que durante toda a miña infancia non souben nunca onde ficaba a Ferradoura esa, para min xa mítica. Todo rozaba o sentimento que alguén poida ter cando le por vez primeira o Galván en Saor de Darío Xoán Cabana, abofé; e así o sentín logo.

Descubrín esa escoitada Ferradoura nunha das primeiras entrevistas toponímicas que realicei en Lavadores. Gabeaba literalmente polas agres encostas que soben do camiño do Casal de Arriba ata o alto monte de Figueiró. Sorprendéronme as vistas largas e fermosas que desde alí había e a abondosa toponimia que fora recollendo polo camiño nesa zona tan próxima do centro urbano de Vigo e que soubo manter, na lembranza duns poucos informantes nativos, un rico patrimonio toponímico. Case no cimo, dixéronme que aquilo era “A Ferradoura” e o meu corazón bateu. En fronte vivía aquela muller de Cangas, a mesma muller da miña infancia. Sigue lendo